Galiza Nova Betanzos Carga Contra A Alcaldesa:

  
   

 

 

GALIZA NOVA LAMENTA QUE O PP PASE DA MOCIDADE BETANCEIRA:


Para as mocidades nacionalistas o feito de que o PP non convocase en case nove meses ao organismo representativo da mocidade é unha proba de que “non contan coa mocidade”. Cuestionan que no que vai de lexislatura o goberno municipal non adoptase medidas específicas para a mocidade.


Betanzos, 20 de xaneiro de 2008. Nove meses despois o Consello da Mocidade voltou a reunirse. Galiza Nova aproveitou a celebración do Consello da Mocidade para recriminar ao PP que non solicitase o servizo de Noitebús para Betanzos. “Era alcaldesa María Faraldo cando saíu a convocatoria e non se moveu” indicou o Responsábel Local de Galiza Nova, Anxo Arcai, para lamentar que a Xunta tivese que poñer a liña de noitebús entre Betanzos, Sada e A Coruña sen que o goberno municipal a solicitase.

Para Galiza Nova, o feito de que o PP non convocase o Consello da Mocidade incumprindo coa normativa municipal responde á necesidade de ocultar a ausencia de medidas específicas para a mocidade betanceira. “Non queren oír aos representantes da mocidade porque lle deron as costas á mocidade” resumen desde a Dirección Local. Lembran que a única medida para a mocidade adoptada polo PP foi o anuncio de que trataban de abrir as instalacións dos centros de ensino fóra do horario lectivo, unha iniciativa á que as Nuevas Generaciones do PP se opuxeran cando Galiza Nova a levou ao Consello da Mocidade e da que se apropiou posteriormente o PP.


Galiza Nova solicitou ao goberno municipal un cumprimento escrupuloso da propia normativa municipal no que se refire á xuntanza do Consello da Mocidade e lamentou que as publicacións municipais enfocadas á mocidade levaran portadas con elementos sexistas dado que se trata dunha publicación institucional. A Dirección Local das mocidades do BNG foi máis alá ao lamentar que o concello se dedique a copiar os contidos das publicacións da Dirección Xeral de Xuventude polo que supón de duplicar gastos. Entenden que se trata dunha decisión “partidista e sectaria”.


A Dirección Local de Galiza Nova, reunida na tarde de onte, resumiu a política de mocidade do PP coma “plaxio de iniciativas, máis plaxio de publicacións, máis sexismo, máis inoperancia” e lamentan que o PP pretenda “silenciar á voz representativa da mocidade de Betanzos” porque “saben que vai reprobar a súa actuación”.
21/01/2008 18:19 Autor: yocritico. #. Tema: Política.


Blog creado con Blogia. Derechos de autor con . Estadísticas. Suscribir RSS. Admin.
Blogia apoya: Fundación Josep Carreras; Emprendedor ven a Iniciador Aragón.